Valses en Niñodaguia, novo vídeo
Vídeo do tema Valses completo que fixemos na festa da Fornada de Niñodaguia 2021.
Gravado e dirixido por Senén Bernández para o programa «Inimitables» e emitido pola TVG en Nadal de 2022 (a tarde do 24 e a mañá do 31) con máxima audiencia!
Alboradas. Novo vídeo!
Alboradas en «Inimitables. Os Cacharreiros de Niñodaguia. Coa Terra nas Mans» TVG Dec.2022
«Cacharreiros de Niñodaguia: A Terra nas Mans» 24/XII/22 TVG
A TVG emitiu o 24/XII un programa especial Inimitables, uníndose á gran celebración da olaría tradicional de Niñodaguia que contou con algúns dos mellores grupos do actual panorama musical galego, e amosou algúns dos segredos dos cacharreiros e que fan os veciños desta aldea ourensá para defender o oficio.
TOR participamos nesta festa e fermoso programa, e podédelo ver en internet o seguinte enlace:
https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/inimitables-1?t=9
Fotografías de Xesús Fariñas para La Región
Compartimos a nota de prensa do programa:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
Televisión de Galicia emitirá hoxe sábado, 24 de decembro, ás 15.45 h. un programa especial dedicado aos cacharreiros de Niñodaguia. Asistiremos á unha fornada tradicional, veremos tal como se cocían os cacharros antigamente e saberemos dalgúns dos máxicos segredos dos oleiros labregos de Galicia.
O traballo da olería tradicional leva tempo en perigo grave de extinción. Pero nunha pequena aldea galega, Niñodaguia, Agustín Vázquez, mestre cacharreiro, e os veciños do lugar, loitan duramente para que a crónica desta morte anunciada non se chegue a producir.
E como loitan contra o inevitable? Pois cun traballo exemplar de transmisión, difusión e participación. Organizan mostras da olería dos lugares máis destacados nesas artes, para estar ao día; encontros interxeracionais entre os máis vellos e os máis novos para transmitir o saber; clases de olería; festas e concertos; e converteron en celebracións algúns dos procesos do oficio, como as fornadas tradicionais.
Tal como nos amosou a pandemia o “made in china” xa non é unha solución fiable en tempos de crise, así que volvemos a valorar o artesán, o produto de proximidade, o feito na casa. Por ese motivo decidimos unirnos aos veciños de Niñodaguia e celebrar con eles e con toda Galicia esta gran festa da olería e dos oficios tradicionais.
“Os cacharreiros de Niñodaguia: A terra nas mans”, un programa da televisión pública de Galicia dirixido por Senén Bernárdez, é unha festa pero tamén un documento sumamente valioso, que o tempo irá poñendo aínda máis en valor. Un documento sobre un dos nosos oficios máis antigos, auténticos e valiosos, o oficio dos oleiros ou cacharreiros.
Acompañamos os veciños nas súas actividades durante máis de dous anos e invitamos músicos galegos de primeira liña e diferentes estilos, como Tor, Ao fondo da barra, Mekanika Rolling Band ou Som do Galpom. Porque esta é unha loita de todos, dos vellos e dos novos, dos veciños de Niñodaguia e de todos os galegos que queremos preservar a nosa cultura. Música e oficios tradicionais van hoxe da man de Agustín, Enrique, José, Benigno e todos os cacharreiros de Niñodaguia para defender o “feito na casa”, o “feito en Galicia”.
A produción industrial moderna é unha longa cadea, con centos de persoas; oficios, que en diferentes lugares, países e incluso continentes, interveñen na obtención de materias primas, man de obra, fabricación de compoñentes, patentes, deseños, transporte, marketing e comercialización.
Polo contrario, un cacharreiro é autosuficiente. Fai todos os pasos da fabricación, distribución e venda dun cacharro: a extracción do barro na barreira, a preparación do barro, o modelado na roda, o secado, a cocción, o vernizado e a venda. Os cacharros son un dos poucos produtos feitos dende principio a fin no mesmo lugar, neste caso, Niñodaguia.
Un magnífico exemplo de sustentabilidade neste tempos de crise de materias primas e da deslocalización de empresas.
Así que invítamosvos a ver hoxe:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
24 de decembro de 2022, ás 15.45 h. en Televisión de Galicia
Gala Arenteira 2022. Auditorio Manuel María Carballiño, 25/XI
Hoxe venres 25/XI ás 20:30 h TOR estaremos no Auditorio Manuel María do Carballiño colaborando musicalmente xunto co Coro de Cámara Música Viva, na XI Edición do Galardón A Arenteira.
Como en anos anteriores, o obxecto de este acto e facer recoñecemento dos valores de persoas destacadas da comarca do Ribeiro e máis do Carballiño nos ámbitos da cultura, do deporte e a título póstumo, ademáis este ano estrease o galardón destinado a superación.
Este ano os galardoados serán:
–Cultura, Don Eduardo Bernárdez.
–Deporte, Clube Baloncesto Maside.
–Póstumo, Dona María Teresa Miras Portugal.
–Superación, Dona Jennifer Manzano Montoya.
www.galardonarenteira.gal
O acto será ademáis reproducido en directo por internet por Badal Novas a través da súa Canle de Facebook
Moitas gracias á organización e ao grupo CerBer por contar novamente con nós!
TOR no posto 17 do Top40 Global de Ethnocloud!
tamos felices de que o pasado mes de Setembro 2022 TOR acabamos de entrar por primeira vez no TOP Global de Ethnocloud, co noso tema «Argomoso» no posto 17. Esta plataforma dixital radicada en Canadá está especializada en música folk e Músicas do Mundo e conta con grupos e programadores de todo o mundo.
E na Lista do TOP40 West European «Argomoso» acada o 3º posto e «Pasacorredoiras» o 7º !
Non deixedes de visitar Ethnocloud para coñecer propostas musicais moi variadas, a través dos seus vídeos, cds, e blogs
José Ramón González, gaiteiro de Vilaquinte
Un dos grandes gaiteiros dos que TOR interpreta temas é Xosé Ramón Fernández. Del incluímos tres muiñeiras e unha marcha procesional no noso CD «TOR-Folk Céltico da Galiza» (Inquedanzas, 2020). A Xosé Ramón, nado en Vilaquinte-Cervantes (Lugo), e emigrado á Arxentina moi xoven, coñecímolo gracias ao gran investigador e antropólogo Norberto Pablo Cirio, que o gravou nos anos 90 naquel país.
Neste vídeo documental que acaba de subir Norberto Pablo Cirio a Youtube, podédelo ver a partir do minuto 7:56 interpretando unha muiñeira, que nós incluimos no set «Vilar».
Norbeto Pablo tamén publicou diversos traballos sobre José Ramón, como este dipoñible en Academia.edu «Recordando a Galicia y Asturias desde Argentina» , que podedes descargar para coñecer máis sobre a súa música e vida.
TOR nos primeiros postos dos TOP40 Ethnocloud
Tamos contentos de vos comunicar que TOR co tema «Alboradas» acadou no mes de Decembro o 2º posto da lista TOP 40 tracks-West European en Ethnocloud, plataforma colaborativa dixital de World Music e étnica radicada en Toronto-Canadá.
E na sección de vídeos, ocupamos os postos 3 e 4 no TOP 40 videos-West European nada menos, coas magníficas producións de Beabesada Estudios: «Cachoupiño» e «Argomoso»!
Gracias a todos/as polo voso continuo apoio. A polo 2022 !