A TVG emitiu o 24/XII un programa especial Inimitables, uníndose á gran celebración da olaría tradicional de Niñodaguia que contou con algúns dos mellores grupos do actual panorama musical galego, e amosou algúns dos segredos dos cacharreiros e que fan os veciños desta aldea ourensá para defender o oficio.

TOR participamos nesta festa e fermoso programa, e podédelo ver en internet o seguinte enlace:

https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/inimitables-1?t=9

Fotografías de Xesús Fariñas para La Región

Compartimos a nota de prensa do programa:

OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS

Televisión de Galicia emitirá hoxe sábado, 24 de decembro, ás 15.45 h. un programa especial dedicado aos cacharreiros de Niñodaguia. Asistiremos á unha fornada tradicional, veremos tal como se cocían os cacharros antigamente e saberemos dalgúns dos máxicos segredos dos oleiros labregos de Galicia.

O traballo da olería tradicional leva tempo en perigo grave de extinción. Pero nunha pequena aldea galega, Niñodaguia,  Agustín Vázquez, mestre cacharreiro, e os veciños do lugar, loitan duramente para que a crónica desta morte anunciada non se chegue a producir.

E como loitan contra o inevitable? Pois cun traballo exemplar de transmisión, difusión e participación. Organizan mostras da olería dos lugares máis destacados nesas artes, para estar ao día; encontros interxeracionais entre os máis vellos e os máis novos para transmitir o saber; clases de olería; festas e concertos; e converteron en celebracións algúns dos procesos do oficio, como as fornadas tradicionais.

Tal como nos amosou a pandemia o “made in china” xa non é unha solución fiable en tempos de crise, así que volvemos a valorar o artesán, o produto de proximidade, o feito na casa. Por ese motivo decidimos unirnos aos veciños de Niñodaguia e celebrar con eles e con toda Galicia esta gran festa da olería e dos oficios tradicionais.

 “Os cacharreiros de Niñodaguia: A terra nas mans”, un programa da televisión pública de Galicia dirixido por Senén Bernárdez, é unha festa pero tamén un documento sumamente valioso, que o tempo irá poñendo aínda máis en valor. Un documento sobre un dos nosos oficios máis antigos, auténticos e valiosos, o oficio dos oleiros ou cacharreiros.

Acompañamos os veciños nas súas actividades durante máis de dous anos e invitamos músicos galegos de primeira liña e diferentes estilos, como Tor, Ao fondo da barra, Mekanika Rolling Band ou Som do Galpom. Porque esta é unha loita de todos, dos vellos e dos novos, dos veciños de Niñodaguia e de todos os galegos que queremos preservar a nosa cultura. Música e oficios tradicionais van hoxe da man de Agustín, Enrique, José, Benigno e todos os cacharreiros de Niñodaguia para defender o “feito na casa”, o “feito en Galicia”.

A produción industrial moderna é unha longa cadea, con centos de persoas; oficios, que en diferentes lugares, países e incluso continentes, interveñen na obtención de materias primas, man de obra, fabricación de compoñentes, patentes, deseños, transporte, marketing e comercialización.

Polo contrario, un cacharreiro é autosuficiente. Fai todos os pasos da fabricación, distribución e venda dun cacharro: a extracción do barro na barreira, a preparación do barro, o modelado na roda, o secado, a cocción, o vernizado e a venda. Os cacharros son un dos poucos produtos feitos dende principio a fin no mesmo lugar, neste caso, Niñodaguia.

Un magnífico exemplo de sustentabilidade neste tempos de crise de materias primas e da deslocalización de empresas.

Así que invítamosvos a ver hoxe:

OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA:  A TERRA NAS MANS

24 de decembro de 2022, ás 15.45 h. en Televisión de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Traducir/Translate »