Muiñeiras de Xerardo e Vilaquinte. Airiños da Freba!

Na nosa sección para explicar as fontes musicais do noso repertorio gústanos contrastar os nosos arranxos e interpretacións coas gravacións orixinais ou outras versións dos mesmos temas, para os curiosos que teimen en afondar no estilo do grupo, os nosos referentes e o proceso creativo. Tamén para que quen lle preste tocar algún tema noso, poida diferenciar a nosa pegada persoal e beber da fonte orixinal.

A muiñeira que chamamos de Vilaquinte, no arranxo Argomoso, aprendímola dunha interpretación en acordeón piano por Ramón Fernández, de Vilaquinte (Lugo). Foi gravado na Arxentina en cassette fai para vinte anos polo etnomusicólogo Norberto Pablo Cirio.

Fixemos a nosa particular versión e arranxo que aparece na pista 10 do cd e no vídeo do grupo

Fai pouco escoitamos a versión do mesmo tema, titulada Muiñeira de Gerardo, do repertorio da Orquestra dos Padernes do Caurel, interpretada polo grupo Airiños da Freba, cun son máis parello ao que serían as interpretacións de gaiteiros e formacións máis tradicionais. Este grupo revive o son das orquestras e pequenas bandas lucenses cunha calidade e variedade absolutamente espectacular! Non deixedes de escoitala, que vos preste 🙂

José Ramón González, gaiteiro de Vilaquinte

Un dos grandes gaiteiros dos que TOR interpreta temas é Xosé Ramón Fernández. Del incluímos tres muiñeiras e unha marcha procesional no noso CD «TOR-Folk Céltico da Galiza» (Inquedanzas, 2020). A Xosé Ramón, nado en Vilaquinte-Cervantes (Lugo), e emigrado á Arxentina moi xoven, coñecímolo gracias ao gran investigador e antropólogo Norberto Pablo Cirio, que o gravou nos anos 90 naquel país.

Neste vídeo documental que acaba de subir Norberto Pablo Cirio a Youtube, podédelo ver a partir do minuto 7:56 interpretando unha muiñeira, que nós incluimos no set «Vilar».

José Ramón González, gaiteiro de Vilaquinte. Foto: Norberto Pablo Cirio, 1997

Norbeto Pablo tamén publicou diversos traballos sobre José Ramón, como este dipoñible en Academia.edu «Recordando a Galicia y Asturias desde Argentina» , que podedes descargar para coñecer máis sobre a súa música e vida.

Fontes musicais (II) Ilustración

Continuamos coas entradas sobre os temas orixinais de onde tomamos o repertorio deste primeiro disco de TOR.

Neste caso, co corte 8 do CD, «Ilustración». Trátase dun poupurrí con tres muiñeiras de distinta procedencia. Son pezas que levan moitos anos na nosa cachimonia, e cando vas buscar as partituras orixinais, dáste conta de que co paso do tempo mudamos inconscientemente diversos fraseos.

A primeira é unha muiñeira que apareceu no nº 3 (28-I-1880) do Tomo II da Revista Decenal Ilustrada «La Ilustración Gallega y Asturiana», editada en Madrid. Ven harmonizada e sen indicación de procedencia ou autor. Nós só adoptamos a melodía.

Seguímola coa nosa particular versión da Ribeirana de Villanueva das partituras do Coro Aires da Terra de Perfecto Feijóo, e publicada como CF13 no libro «Aires da Terra. Poesía musical de Galicia» Ed. José Luis Calle, 1990. Copiamos a entrada que fai o autor:

A derradeira muiñeira do set é a chamada «Muiñeira picada» do repertorio de Emilio Fernández da Fonsagrada, e aprendémola de oído dalgunha interpretación de Susana Seivane cara 1995. Se atopamos algunha interpretación orixinal por Emilio Fernández en Youtube, enlazarémola aquí.

No seguinte enlace tedes bós recursos musicais e a biografía de Emilio Fernández: Aquí

Libreto do CD en liña

Posiblemente sexades moitas persoas as que xa estades desfrutando do noso cd de presentación en liña nas plataformas dixitais.

Como todos os arranxos e melodías teñen unha razón de ser e unha historia detrás, aquí podedes descargar o libreto que acompaña ao cd físico para coñecer as historias e procedencias dos distintos temas. Edición bilingüe galego-inglés.

Fontes musicais (1) Alboradas

Queremos facer unha serie de entradas no blog sobre as fontes musicais orixinais dos temas que gravamos no noso primeiro disco.

Nos parece interesante amosar como adoitamos traballar sobre os repertorios tradicionais. E como a partir dos materiais, habitualmente melodías sen harmonía, cada grupo ou músico aporta a súa propia visión.

Empezaremos polo tema de «Alboradas» (2º corte do cd), que está composto en primeiro lugar por tres partes tomadas de dúas Alboradas compostas por Rodrigo Alfredo de Santiago. Foi un músico e compositor moi recoñecido de orixe vasco, director da banda de música municipal de Coruña e da coral polifónica «El Eco», e autor entre outros do «Método completo de gaita» (Galaxia, 1964), onde aparecen estas alboradas.

A continuación, fixemos a nosa versión dunha marcha procesional do repertorio de Adelino Pichel, de Sorribas-Forcarei (Pontevedra), que aprendemos dos traballos de campo do gran investigador Juanjo Fernández. El pasóunolas en cintas de cassette nos anos 90, e agora pódese desfrutar gracias ao libro-cd «Adelino Pichel e os gaiteiros de Forcarei» escrito polo propio Juanjo Fernández e publicado por Inquedanzas Sonoras. Poremos un pequeno fragmento do cd para que poidades desfrutar do toque orixinal de Adelino Pichel.

Un traballo absolutamente recomendable e que podedes encargar ás vosas tendas habituais ou directamente na tenda online de www.inquedanzas.com

Neste arranxo gravamos unha das primeiras gaitas de Faustino Santalices que recuperamos cara o ano 2003. Trátase dunha gaita en Bb que pertencera ao Coro Os Enxebres da Troya, do barrio da Ponte en Ourense e que Félix mercara unha das primeiras feiras de antigüidades que se fixeron en Ourense os primeiros domingos de mes. Tardamos tempo en ultimar este tema, fáltaballe algo…. E cando decidimos invitar ao amigo Angel Ruiz a gravar o banjo nel, deulle o toque xenial que lle faltaba!

Traducir/Translate »