Na nosa sección para explicar as fontes musicais do noso repertorio gústanos contrastar os nosos arranxos e interpretacións coas gravacións orixinais ou outras versións dos mesmos temas, para os curiosos que teimen en afondar no estilo do grupo, os nosos referentes e o proceso creativo. Tamén para que quen lle preste tocar algún tema noso, poida diferenciar a nosa pegada persoal e beber da fonte orixinal.
A muiñeira que chamamos de Vilaquinte, no arranxo Argomoso, aprendímola dunha interpretación en acordeón piano por Ramón Fernández, de Vilaquinte (Lugo). Foi gravado na Arxentina en cassette fai para vinte anos polo etnomusicólogo Norberto Pablo Cirio.
Fixemos a nosa particular versión e arranxo que aparece na pista 10 do cd e no vídeo do grupo
Fai pouco escoitamos a versión do mesmo tema, titulada Muiñeira de Gerardo, do repertorio da Orquestra dos Padernes do Caurel, interpretada polo grupo Airiños da Freba, cun son máis parello ao que serían as interpretacións de gaiteiros e formacións máis tradicionais. Este grupo revive o son das orquestras e pequenas bandas lucenses cunha calidade e variedade absolutamente espectacular! Non deixedes de escoitala, que vos preste 🙂
0 comentarios